Ardeiro.AI
Todas as newsletters

Non, a IA non che vai quitar o negocio. A túa competencia que si a use, si.

4 min de lecturaPor Manuel Ardeiro

Vale, empecemos polo titular que che fixo abrir isto: non, non vas acabar no paro por culpa dun robot.
Podes deixar de mirar de esguello a torradora esperando que se rebele.

Podo entón quedar tranquilo?
Completamente!
...Ou non.


Quizais antes de quedares tranquilo de todo, conveña falar do que SI está pasando, porque é máis sutil e máis perigoso para moitos negocios que calquera robot con malas intencións.

Velaquí o retrato robot do autónomo galego medio coa IA en 2026: ten ChatGPT aberto nunha lapela.
Pregúntalle "como redacto un correo de reclamación a Movistar sen soar moi borde", "que lle pasa ao meu xeranio que se está poñendo amarelo”.
E, nos días de inspiración, "dáme 10 ideas para a publicación de Instagram de mañá" (que logo non publica).
Todo iso está moi ben.
É útil, é gratis e faite sentir moderno diante do teu cuñado.
Ben, gratis se non decidiches pagar unha subscrición mensual para que che axude con esas temáticas tan interesantes.


O problema é que iso non é ter un negocio automatizado.
Iso é ter un bolseiro moi listo ao que lle preguntas cousas de cultura xeral.
É como mercares unha furgoneta de repartición carísima e usala só para ir mercar o pan os domingos.
A ferramenta está aí, custa o mesmo tela acesa que apagada, e ti estás a usala para o menos rendible que existe.
Iso si, es o rei ou a raíña dos datos inútiles.


Mentres tanto, a dúas rúas da túa perruquería/clínica/academia, hai alguén que non lle pregunta nada "curioso" á IA.
Ese alguén ten a axenda conectada de verdade: cando entra un WhatsApp pedindo cita, algo responde en 40 segundos (non en varias horas, que é o teu tempo medio de resposta, sabémolo os dous), consulta o oco libre real no calendario, confirma, e 24h antes manda o recordatorio para que o cliente non se esqueza e che deixe baleiro o oco do venres ás 17h — ese oco que, sumado ao longo dun ano, é literalmente un soldo que estás regalando ao aire.
Ese negocio non ten un empregado máis listo ca o teu.
Non traballa máis horas ca ti.
Simplemente deixou de usar a IA como oráculo de curiosidades e empezou a usala como un fontaneiro: para que as cousas flúan soas polas tubaxes do negocio mentres el está diante do cliente, non diante do móbil ás 22h escribindo "perdoa a tardanza en contestar".


Ese é o perigo que de verdade hai que vixiar; non é "a IA contra ti”, é "ti preguntándolle ao móbil polo teu xeranio" contra "a túa competencia usando o mesmo para non perder nin unha cita máis”.
E esa carreira pérdese en silencio, cliente a cliente, sen que chegue ningunha notificación que diga "hoxe perdiches 40€ por tardar en contestar”.
Nótase a fin de ano, cando miras a caixa e non sabes moi ben por que non subiu.


Así que a pregunta non é "substituirame a IA?”.
É: "cantas veces esta semana lle preguntei a ChatGPT unha parvada simpática, e cantas veces deixei que me organizase algo que me axude?"
Se a resposta é "0 ao segundo", tranquilo.
Non es o único.
Pero xa sabes por onde tes unha fuga.


Manu.

Subscríbete á newsletter de Ardeiro.AI

Compartir

Queres falar disto?

Non hai comentarios públicos. Pero si o meu correo. Se algo che resoa ou che chirría, escríbeme.

Escríbeme directo
ARDEIRO.AI / NEWSLETTER

Ideas que merecen un oco na túa caixa de entrada.

IA e automatización explicadas con exemplos útiles para o teu negocio. Subscríbete á newsletter de Ardeiro.AI.

Responsable: Jose Manuel Lopez Pena (Ardeiro.AI). Finalidade: enviar a newsletter co teu consentimento. Resend trata correos nos EUA con garantías contractuais. Acceso, rectificación, supresión e outros dereitos: legal@ardeiro.ai. Máis información na política de privacidade.

Ti escolles o idioma. Podes darte de baixa en calquera momento.